A ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE ESTUDOS DE ASIA ORIENTAL (AEEAO) é unha organización sen ánimo de lucro de ámbito nacional cuxo obxectivo principal é fomentar, estimular e impulsar en España o estudo e a investigación sobre Asia Oriental.

Para levar a cabo este obxectivo, a Asociación promoverá activamente as seguintes actividades:

  1. A organización de foros, congresos, seminarios ou calquera outro evento de carácter científico.
  2. A publicación de revistas de carácter científico, así como outro material impreso, fotográfico, sonoro e audiovisual de carácter técnico relacionado coas materias propias dos fins da Asociación.
  3. A organización de iniciativas investigadoras nos diversos eidos dos estudos de Asia Oriental e o intercambio de información científica con asociacións afíns.
  4. O establecemento de acordos ou contratos con outras entidades que faciliten ou favorezan o labor científico de investigadores membros da Asociación.
  5. A cooperación con institucións españolas e de Asia Oriental co fin de fomentar o estudo e a investigación no eido dos estudos de Asia Oriental.
  6. En xeral, calquera actividade que favoreza a investigación española no eido dos estudos de Asia Oriental e o intercambio de información científica neste eido.

Desde o ano 2006, un grupo de académicos e especialistas españois organiza o Foro Español de Investigación sobre Asia Pacífico (FEIAP). Este encontro académico de carácter bienal ten como obxectivo primordial servir de plataforma de encontro e intercambio académico para que os investigadores e profesores que traballan no eido de Asia Oriental e Pacífico poñan en común e debatan os seus traballos e, ao mesmo tempo, coñezan os dos seus colegas. Ao longo destes máis de dez anos e cinco edicións, o FEIAP consolidouse como un dos foros académicos nacionais máis activos e recoñecidos entre a comunidade investigadora e docente no eido de Asia Oriental en España.

Coa creación da AEEAO no ano 2016, a Asociación toma a remuda na tarefa de organizar este evento periódico coa intención de darlle un novo impulso e situalo no mapa internacional. Así pois, a primeira edición do I Congreso Internacional da Asociación Española de Estudos de Asia Oriental terá lugar en Málaga en xuño de 2018.